“O proceso de Artaud”, Ramiro Ledo Cordeiro

“O tribunal da historia”, Pablo Cayuela / María do Cebreiro

O proceso de Artaud cruza dous documentos históricos para forzar un anacronismo que, seguindo a Jean-Louis Comolli, recodifica e despraza os arquivos do discurso no que se integraban en orixe.

A secuencia do xuízo que Carl Theodor Dreyer filmara para A paixón de Xoana de Arco (1927), sérvelle ao cineasta lucense como posta en escena dun outro xuízo acontecido poucos meses antes: a expulsión de Antonin Artaud do grupo surrealista, documentada nas únicas actas mecanografadas da organización.
A propia presenza de Artaud como actor do filme de Dreyer, –intuímolo agora– fornece as imaxes dun pouso biográfico que se decanta contra a ficción
de xeito irremediábel. Pois aquí, tras a intervención de Ledo, o rostro de Xoana de Arco ocúpao Antonin Artaud, o acusado Artaud, e xa non máis María
Falconetti. Ou é que son o mesmo, o rostro –e o rastro– material do xusto? Se cadra, como se ten afirmado, o cine é unha arte da pegada porque non foi quen de rexistrar en presente as fendas do século, pero en tal caso podemos engadir que enfronta ese labor de reciclaxe con tanta maior fortuna canto extrae da imaxe esa calidade aural que Walter Benjamin dera por perdida no documento reproducido infinitamente.

No seu Tractatus Logico-Philosophicus (1921) Ludwig Wittgenstein escribira que un enunciado constitúe unha imaxe dun feito no mundo. Contra Saussure, cuxa teoría do signo lingüístico dividira a imaxe do sentido, Wittgenstein está a defender a existencia dunha relación imaxinaria entre a linguaxe e os acontecementos. Por iso, grazas a Ramiro Ledo, podemos comprender mellor o sentido dunha sentenza misteriosa do Tractatus: “Os límites da miña linguaxe
son os límites do meu mundo”. Iso é o que, tamén dun xeito enigmático, está a nos dicir Artaud cando fala e cando cala: “Non me pidades que limite o meu mundo á vosa linguaxe”. Ou ben: “non me fagades partícipe da violencia dunha linguaxe que non permite imaxinar a miña procura”. Por iso a Artaud Ramiro Ledo lle dá un rostro e aos demais lles dá máis ben un nome: a listaxe de interventores no proceso desvélase nos créditos finais, e alí comparecen Breton ou Aragon reducidos a actores calquera do teatro xudicial.

A relación imaxinaria entre as palabras e a realidade está tamén detrás doutro aforismo do Tractatus: “o que non podo dicir está fóra do mundo”. De aí o carácter implacábel das palabras de Artaud, que teñen o poder de romper o consenso. Pois este Proceso revela que a orixe do político non está na linguaxe compartida, senón sobre todo naquilo capaz de fracturar o común para tentar facelo nacer de novo. De aí o desexo de Artaud –desexo que produce materialmente no ecrán un rostro aural– de poñerlle palabras á disidencia. Fronte ao que podería parecer, este non é o “eu” do artista ante a asemblea, senón o “eu” dunha condicionalidade urxente, o capaz de situar o mundo entre parénteses para poder crebar a orde do mundo. Claro que nese desexo vive un grande silencio. Ao cabo, aínda que sexa quen máis diga “eu”, no filme Artaud fala moito menos que os demais.

E no entanto, a maior forza d’O proceso de Artaud parece residir na sinxeleza coa que Ledo presenta a operación de montaxe, dende os brancos que establecen o marco até a disposición dos documentos que se van empregar. As mans do autor responsabilízanse da proba: que ten a ver Xoana de Arco co Partido Comunista? A ecuación problematiza un sistema en que se entretece a inviolabilidade dese rostro –antes Falconetti, agora Artaud– por entre o pensamento histórico da emancipación e as formas variables do real representado. Do que se conclúa, se cadra, dependerá a nosa idea da liberdade.

É así como, nun tempo en que o concepto de memoria a miúdo satura os discursos e as prácticas políticas e artísticas, Ramiro Ledo elixe o camiño da historia. Fronte á memoria, a historia non concede o privilexio da verdade ás testemuñas que viron, senón ao rexistro dos documentos que falan. Artaud non é testemuña senón de si mesmo. Cortadas e pegadas matematicamente polas tesoiras de Ledo, as imaxes de Dreyer rexistran a dualidade en que se resolve todo  acto de ollar para o pasado. Os inquisidores son e non son inquisidores, mais Artaud é sempre Artaud e ademais xúlganos. E tamén: un filme pode chegar a reverter o xuízo da historia, nun acto que consegue reemprazar o dereito pola xustiza. Igual que en Film Socialisme Godard, canda Jacques Derrida, avisa de que “cando a lei non é xusta, a xustiza pasa por encima da lei”, O proceso de Artaud é verdadeiramente un acto de xustiza. Por medio da analoxía e da imaxinación –no sentido de Benjamin e no de Wittgenstein– este segundo filme de Ramiro Ledo permítenos volver pensar con ollos novos a política do singular e a xustiza poética da historia.

Pablo Cayuela / María do Cebreiro©

Cortometraje: “O proceso de Artaud “ de Ramiro Ledo Cordeiro©

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: